Mostrando postagens com marcador Letras Galegas. Mostrar todas as postagens
Mostrando postagens com marcador Letras Galegas. Mostrar todas as postagens

10/03/2011

Exposición colectiva de arte, Letras Galegas 2011

Convocatoria de creación artística
inspirada na obra poética de 
Lois Pereiro

Durante o mes de maio realizaremos na escola de idiomas unha exposición de obras creadas a partir de textos poéticos de Lois Pereiro.
Aquelas persoas que desexen participar poderán facelo de acordo coas seguintes
BASES:
1.    Serán obras orixinais de pintura ou escultura.
2.    Estarán motivadas ou inspiradas nun poema ou unha parte dun poema de Lois Pereiro.
3.    As obras entregaranse na Escola de Idiomas de Vigo antes do venres 22 de abril. Cubrirase un impreso de depósito da obra e outro de recollida ao finalizar a exposición.
4.    Xunto coa obra tamén se fará chegar unha copia dixital da mesma para a súa publicación en catálogo.
5.    As obras serán aprobadas para a súa exposición por un equipo de persoas vinculadas ao mundo da arte.
6.    Xunto con cada cadro entregarase o texto no que se inspira, para a súa colocación ao lado da obra.

Máis información sobre o autor homenaxeado:
Culturagalega.org
Galipedia

15/04/2010

Convocatoria 9 de maio no Courel

Os Amigos de Uxío Novoneyra, a través da web www.uxionovoneyra.com demandaron no seu día o apoio para que as Letras Galegas de 2010 fosen dedicadas a este poeta, proposta que posteriormente se conseguiu.
Moitas das persoas asinantes fixeron chegar aos promotores do nomeamento varias propostas para que se realice un acto no Courel. Postos en contacto coas asociacións culturais do Courel, todas elas incidiron en apoiar e participar neste acto unitario, convocado xa nesta web para o próximo domingo 9 de maio. Tendo como punto central a figura humana e literaria de Uxío Novoneyra e, tamén, o espazo do Courel, que el reivindicou a protección do mesmo.

Sobre as 11 h., do día mencionado, sairemos da Ferrería de Seoane, nunha camiñada polo camiño antigo do Real, cara á casa natal do poeta, en Parada.
Durante a camiñada faremos unha lectura de seus poemas así como outras actividades. En Parada, será o acto central no que todos están convidados a participar nunha celebración aberta na que se evoque ao poeta e a seu espazo natural, referente vivo da súa obra: “Os Eidos”.
A poesía, a música e as opinións sobre Uxío Novoneyra serán os referentes que asistan a este acto.
Por esta razón vimos a pedir de novo suxestións para que este encontro sexa amplo, dinámico e participativo.

Na páxina web teremos un apartado expresamente dedicado a este acto, onde iremos informando da evolución do mesmo. Para calquera opinión e suxerencia envíenos a súa mensaxe a uxionovoneyra@gmail.com

Con os mellores cumprimentos.

Amigos de Uxío Novoneyra

UXÍO NOVONEYRA (1930-1999)
http://www.uxionovoneyra.com/
DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2010

A Asociación Socio-Pedagóxica Galega presenta "Canto de Permanencia" sobre Novoneyra

Canto de permanencia é o título sob o que se recollen, en formato audiovisual, tres traballos, autónomos mais complementares, sobre a persoa e a obra de Uxío Novoneyra.
1.- Canto de permanencia, documental creativo e obra experimental, que dá título ao DVD, é unha interpretación, en linguaxe cinematográfica, dunha escolma de textos da obra de Novoneyra. Sobre este guión literario sobreponse un guión de ficción para termos unha obra que combina textos con imaxes reais rodadas en espazos simbólicos da obra de Novoneyra e, xunto con estas, outras recreadas en estudios de gravación ou en espazos interiores e con actores, resultando un produto susceptíbel de ser visionado de maneira autónoma e independente de calquera contexto e de calquera coñecemento previo da obra de Novoneyra. Cabe salientar que, coa selección de textos, o guión procura construír unha liña temporal que podería seguir o devir das catro estacións.

2.- O segundo audiovisual, A Certeza de Sermos, recolle un recitado de textos de Novoneyra por el proprio. Son textos até agora non divulgados procedentes dos fondos documentais da AS-PG, agás un cedido polo CIFP Anxel Casal da Coruña. Van unidos argumentalmente por textos de discursos de Novoneyra coa voz en off de Fernando Morán e teñen en común presentan o seu carácter marcadamente social.

3.- Finalmente, e como Extras, o DVD recolle un recitado de versos dedicados a Novoneyra por Manuel María, Méndez Ferrín, Mª Xosé Queizán, Bernardino Graña e García Bodaño xunto con imaxes inéditas da gravación de Canto de permanencia.

25/03/2010

A distancia do lobo. Biografía de Uxío Novoneyra


A Editoria Galaxia acaba de publicar unha nova achega ao coñecmento da figura de uxío Novoneyra.
Antón Lopo, A distancia do lobo. Biografía e Uxío Novoneyra.

Uxío Novoneyra está xa gravemente enfermo e rememora a súa vida, desde O Courel da II República ás rúas de Zúric onde viu, a primeiros da década de 1990, os rapaces anestesiarse con heroína. Xorden así unhas memorias concibidas con aparencia de autobiografía, nas que a figura totémica de Novoneyra o inunda todo. En A distancia do lobo, Antón Lopo utiliza a obra do poeta, as súas entrevistas e os seus discursos para reconstruír a traxectoria vital dun escritor que mantivo a liberdade como principio irrenunciable. A partir dese material, e mediante unha serie de entrevistas con Elba Rey -viúva de Novoneyra- e con amigos e persoas que o trataron en vida, trénzase unha peripecia que se inicia cos estertores da vida e conclúe na infancia.

A represión da ditadura, o principio de liberación dos pobos, a bohemia, o refuxio das tertulias ou as dificultades de forxar un ámbito cultural propio nos comezos da autonomía en Galicia, son algunhas das estacións dun percorrido que fai escintilar a práctica totalidade da poliédrica persoalidade dun home que converteu a poesía nunha forma de comportamento.