Mostrando postagens com marcador sociolingüística. Mostrar todas as postagens
Mostrando postagens com marcador sociolingüística. Mostrar todas as postagens

24/09/2010

Política Lingüística presenta a Rede de dinamización lingüística

A Secretaría Xeral de Política Lingüística presentou hoxe a Rede de dinamización lingüística no marco dos XII Encontros para a Normalización Lingüística, que organiza o Consello da Cultura Galega. A través desta iniciativa –cuxa orde de creación foi publicada esta semana no Diario Oficial de Galicia– a secretaría xeral busca congregar as entidades con competencia na promoción do galego coa finalidade de potenciar o proceso de extensión do uso desta lingua de xeito coordinado e planificado desde o ámbito local.
Continuar lendo a noticia.

03/02/2010

"55 mentiras sobre a lingua galega"


A plataforma a prol da defensa e promoción da lingua galega ProLingua
presentará o próximo venres 5 de febreiro a súa primeira publicación
titulada "55 mentiras sobre a lingua galega", coordinada polo profesor
da Universidade de Vigo Xosé-Henrique Costas.

En Vigo será o venres, 5 de febreiro ás 20.00 h na Casa Galega da Cultura, praza da Princesa.

Esta publicación pretende ser un argumentario sinxelo e clarificador,
ao tempo que sólido e rigoroso, que axude a sociedade galega a
comprender e superar aquelas valoracións e interpretacións
subxectivas, ideoloxizadas desde unha óptica exclusivamente
partidista, erróneas ou perversas que perseguen o obxectivo de
actuaren de freo ao camiño da necesaria reposición e normalización de
usos para a lingua galega no seo da súa sociedade.

Co gallo de ofrecer unha análise dos prexuízos máis comúns que difunden os negacionistas do idioma, sae publicado este esperado libro útil, unha obra rigorosa que, paseniño e cun ton distendido, avanza até desmontar por completo, unha por unha, as principais falacias que ao correr da historia se veñen vertendo sobre a lingua galega, facendo fincapé naquelas que, por diversas razóns que tamén o libro pon de relevo, a día de hoxe teñen un maior calado na sociedade.

Xa que logo, podemos falar desta publicación como dunha reacción organizada, limpa e contundente contra as difamacións daqueles que, por complexo, mesquindade ou ambas as dúas cousas, só buscan o esmorecemento da lingua propia de Galicia, o galego.

Nos próximos días ofreceremos no noso blogue, http://prolinguagalega.org, cumprida información da multipresentación que deste libro se fará simultaneamente en máis de medio cento de localidades espalladas polo noso país.

04/12/2009

A nova Lei de Caixas recollerá os nosos dereitos lingüísticos?


É importante que cada nova lei que se promulgue dende o noso Parlamento contemple tamén os dereitos lingüísticos da cidadanía galega.
As caixas galegas caracteizáronse ata agora por ir pasiño a pasiño na incorporaciónj do noso idioma, e mesmo un paso para adiante e outro para atrás, como fora aquela campaña de Caixagalicia que aparecía en autocolantes nos seus portelos indicando que nas súas caixas tamén se atendía en galego e que logo desapareceu.

Hoxe lemos no blog do presidente d'A Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, que esta asociación se vai dirixir aos partidos políticos presentes no Parlamento para lles solicitaren que na nova Lei de caixas se garantan os nosos dereitos lingüísticos. Parabéns, don Carlos. Agardamos que esta xusta reivindicación sexa atendida en beneficio dun idioma que loita por ocupar o espazo que lle corresponde nunha sociedade cada vez máis ocupada polo castelán.

Tal como sinalan no seu comunicado, a Carta Europea das Linguas, "ratificada por unanimidade no Congreso dos Deputados no ano 2001, sinala no parágrafo 2.a do artigo 13 que se deben “incluír nos seus regulamentos financeiros e bancarios cláusulas que permitan, a través de procedementos compatíbeis coas prácticas comerciais, o uso das linguas rexionais ou minoritarias na redacción de ordes de pagamento (cheques, letras, etc) , ou outros documentos financeiros, ou cando sexa pertinente, asegurar a aplicación de ditas emendas.”"

Un apuntamento sobre sociolingüística

Atopamos un interesante artigo sobre sociolingüística do galego escrito por Carlos Callón, presidente d'A Mesa pola Normalización Lingüística e publicado no único diario en galego do noso país, Galicia-Hoxe. Del extractamos o seguinte parágrafo:

"... o noso idioma é hoxe maioritario en Galiza se non contamos o ensino (en calquera das súas etapas: de infantil á universidade, e en calquer das súas titularidades, público, concertado ou privado), a publicidade, a etiquetaxe e a rotulaxe comercial, os prospectos dos medicamentos, a sanidade pública e privada, a atención ao público en todas as administracións, a documentación, a publicidade e as sinalizacións da Administración Xeral do Estado, as notarías, os xulgados, as radios, as televisións, os xornais impresos e os electrónicos, as revistas, os servizos de hostalaría, o transporte público, as aseguradoras, os bancos, as caixas de aforros, os supermercados, os talleres, a oferta editorial, as tendas de roupa, as conserveiras, as ETTs, a garda civil, o exército, as autoescolas, a policía nacional, os xoguetes, as estreas de cinema ou DVDs, os videoxogos, os servizos telefónicos de apoio ao cliente, os grupos máis novos en idade...".

Informe do Consello da Cultura sobre o galego nos medios

O Consello da Cultura Galega publicou un informe titulado "A lingua das novas" sobre a presenza do noso idioma nos medios de comunicación. Os resultados son moi significativos e invitámosvos a coñecelos premendo sobre o enlace correspondente.

Adiantámosvos as palabras introdutoras que aparecen na web do Consello da Cultura:
"O informe analiza a situación lingüística dun dos actores sociais que máis podería ter contribuído á impulsión e consolidación do proceso de normalización lingüística do galego –os medios de comunicación– e que, por diversas causas, continúa a ser practicamente monolingüe na actualidade. O estudo é froito do traballo dun grupo de investigación que iniciou o estudo no ano 2002. Mediante o emprego de técnicas de investigación cuantitativas e cualitativas obtivéronse datos e análises non só dos hábitos lingüísticos dos medios de comunicación impresos e audiovisuais na Galicia actual senón, ademais, das actitudes e reflexións dos seus protagonistas –xornalistas e directores de medios de comunicación– e outros analistas da situación –lingüistas, sociólogos, economistas, filósofos… Pretendíase non só coñecer a lingua actual dos medios de comunicación, senón tamén as causas e consecuencias de que outra realidade posible non exista."

03/12/2009

Entrevista co sociolingüísta Mauro Fernández

A Nosa Terra publica unha entrevista co Director científico do I Mapa Socio Lingüístico de Galicia de 1992 e profesor da Universidade da Coruña, Mauro Fernández.
Desta entrevista sacamos algunha frases que podedes continuar lendo no artigo completo:

"Cando comparamos o Censo de 2001 co de 1991, o que vemos é que non cambiou a porcentaxe de persoas que teñen o galego como lingua habitual".
"Son algúns máis os que cambiaron cara o galego cós que cambiaron cara o castelán".
"
En cidades como A Coruña ou Vigo falábase máis galego a mediados dos 90 que a principios do século XX".
"
Que o galego sexa aínda a lingua máis falada en Galicia é unha boa noticia".