
A plataforma a prol da defensa e promoción da lingua galega ProLingua
presentará o próximo venres 5 de febreiro a súa primeira publicación
titulada "55 mentiras sobre a lingua galega", coordinada polo profesor
da Universidade de Vigo Xosé-Henrique Costas.
En Vigo será o venres, 5 de febreiro ás 20.00 h na Casa Galega da Cultura, praza da Princesa.
Esta publicación pretende ser un argumentario sinxelo e clarificador,
ao tempo que sólido e rigoroso, que axude a sociedade galega a
comprender e superar aquelas valoracións e interpretacións
subxectivas, ideoloxizadas desde unha óptica exclusivamente
partidista, erróneas ou perversas que perseguen o obxectivo de
actuaren de freo ao camiño da necesaria reposición e normalización de
usos para a lingua galega no seo da súa sociedade.
Co gallo de ofrecer unha análise dos prexuízos máis comúns que difunden os negacionistas do idioma, sae publicado este esperado libro útil, unha obra rigorosa que, paseniño e cun ton distendido, avanza até desmontar por completo, unha por unha, as principais falacias que ao correr da historia se veñen vertendo sobre a lingua galega, facendo fincapé naquelas que, por diversas razóns que tamén o libro pon de relevo, a día de hoxe teñen un maior calado na sociedade.
Xa que logo, podemos falar desta publicación como dunha reacción organizada, limpa e contundente contra as difamacións daqueles que, por complexo, mesquindade ou ambas as dúas cousas, só buscan o esmorecemento da lingua propia de Galicia, o galego.
Nos próximos días ofreceremos no noso blogue, http://prolinguagalega.org, cumprida información da multipresentación que deste libro se fará simultaneamente en máis de medio cento de localidades espalladas polo noso país.
Nenhum comentário:
Postar um comentário