03/11/2010

Campionato de Trivial Día da Ciencia en Galego

O Día da Ciencia en Galego é unha xornada dirixida ao mundo do ensino e a toda a sociedade co obxectivo de expresarmos que o galego é unha lingua axeitada para a transmisión do coñecemento científico e tecnolóxico e para divulgar experiencias escolares pensadas e desenvolvidas en galego.O Día da Ciencia en Galego está adicado a Ramón Mª Aller Ulloa, Afonso X e James Clerk Maxwel.

A xornada terá lugar o día 4 de novembro de 2010 e o profesorado, xunto co alumnado, pode participar organizando libremente unha actividade de divulgación adaptada a cada realidade e aos diferentes niveis educativos. A AS-PG, que participa nesta convocatoria, convoca un Campionato de Trivial

02/11/2010

Presentación dun novo libro

O próximo venres 5 de novembro ás 18,30 h. na Casa Galega da Cultura (praza da Princesa, 2), terá lugar o acto de presentación en Vigo do libro
ESTUDOS XURÍDICOS SOBRE O DECRETO PARA O PLURILINGÜISMO
de Luís Villares Naveira (coord.).

O mesmo día haberá actos semellantes na faculdade de Filoloxía, ás 12.00h, e, na mesma Casa Galega da Cultura, ás 20.00h, para o público en xeral.

Organizan: Queremos Galego - A MESA pola Normalización Lingüística - Área de NL da Universidade de Vigo - Coordinadora de ENLs de Vigo e bisbarra - Edicións Laiovento

01/11/2010

Campaña "O galego é o noso medio natural"



O campus universitario vigués acolleu a presentación de “O galego é o noso medio natural”, unha campaña que nace da colaboración institucional da Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo coa Coordinadora Galega de ENDL. Esta iniciativa de vocación ecolingüística procura vencellar a conciencia lingüística e a ecolóxica, mostrar o perigo da perda e/ou mestura de linguas e/ou especies ecolóxicas, convocar á comunidade educativa e á sociedade galegas á reflexión sobre a responsabilidade que temos cara á lingua propia e cara ao noso medio natural, así como potenciar o uso do galego.
A campaña materialízase na edición de diversos materiais (camisolas, adhesivos, petates, gorros, chapas, etc.), entre os que destaca un caderno-ecoguía, elemento central que ten como obxectivo transmitir, principalmente entre o alumnado, mensaxes sobre a perda, a mestura e a recuperación de especies e de linguas.

29/10/2010

Queremos Galego convoca a 4ª etapa do “Camiño pola Lingua”

Domingo, 31 de Outubro · 7:30 - 17:30

Treito: A Ponte Ulla-Compostela

Son 18 quilómetros que comezan na gasolineira da Ponte Ulla, situada na nacional 525, Km 322, na marxe dereita da estrada en dirección Santiago.

De Ourense saímos ás 7:30 do Parque de San Lázaro. Se queredes saír de Ourense no autobús podedes reservar a praza no 639 519 242, o prezo, para os que non o aboasen nas anteriores etapas, é de 5 euros.

Chegaremos arredor das 8:30 á gasolineira, polo que ás 8:45 deberiamos estar camiñando. Os que vaiades desde outras zonas tede en conta este horario para non atrasar a saída.

Para as persoas que non poidan facer a etapa completa hai un punto de encontro para facer a entrada en Compostela con todo o grupo. Atoparémonos no Cruceiro do Sar arredor das 13:30

Ao chegar a Praterías, arredor das 14:00 h, teremos un acto reivindicativo e, ao remate, xantaremos todo o grupo. O lugar acordarémolo en función do tempo que faga.

15/10/2010

Círculo Poético Aberto



Penúltimo acto quere convidarvos ao próximo Círculo, este mes será o sábado 30. Sabede que contamos convosco para participar no acto con poesía, música, performance, etc.

Apúntate e acompáñanos. Ademais do colectivo xa confirmaron a súa participación neste acto:
Iolanda Aldrei (poesía)
Pere Tobaruela (autor da novela " Na cerna da selva")
Belém Grandal (poesía)
Jose M. Garnelo (música, audiovisual)
Gaspar Domínguez (poesía)
Alfonso Rodríguez (poesía)...

A Irmandade dos Apañacastañas convoca o Premio Apalpador para actividades escolares e extraescolares


Este ano convocamos por primeira vez un premio para homenaxear a todos aqueles que axudan ao espallamento da figura do Apalpador e para os que non a coñezan, que se impliquen na recuperación desta parte do noso patrimonio inmaterial.

O Apalpador é un personaxe mítico galego que baixa polo Nadal a levarlles os agasallos aos nenos. Entra de noite nos seus cuartos cando están durmidos e apálpalles a barriguiña por ver se están mantidos e déixalles, ademais dos xoguetes, unha presa de castañas.
Este personaxe ten un tronco común con outras tradicións europeas e do norte de España e ben seguro a mesma orixe, pero en Galiza estaba practicamente esquecido. O rito da Noite do Apalpadoiro foi descrito por varios estudosos e a figura do personaxe refírese na zona da montaña lucense e, nomeadamente, no Courel. Tamén existen referencias no oriente ourensán.

Toda a información para participar podedes atopala en http://www.apalpador.com
Moitas grazas e, a participar!

II Curso de Formación sobre o Patrimonio Lúdico


Baixo o título "O xogo tradicional e as didácticas específicas", organizan en Melide a Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional e o movemento de renovación Pedagóxica Nova Escola Galega. O curso pretende afondar no tratamento dos xogos tradicionais desde a óptica, nomeadamente, das didácticas específicas de disciplinas como a Música, as Artes, as Ciencias Naturais ou as Tecnoloxías, e contará coa participación dun dos máis recoñecidos especialistas no mundo sobre o tema, o profesor catalán Pere Lavega i Burgués.

A actividade está homologada, con 12 horas de formación, por parte da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, e durante a mesma renderáselles homenaxe a Maruxa Barrio e Henrique Harguindei, investigadores pioneiros en Galicia no estudo das prácticas lúdicas tradicionais e responsables da conferencia de clausura do curso.
Máis información (e matrícula en liña) nas páxinas web da AGXPT e de Nova Escola Galega.

10/10/2010

Peregrinaxe pola Lingua entre Ourense e Compostela


A iniciativa desenvolverase en catro etapas sucesivas, os domingos 10, 17, 24 e 31 de outubro, voltando en autobus a Ourense ao remate de cada etapa, logo dun xantar compartido e de plantar unha árbore cunha mensaxe a prol do noso idioma para @s camiñantes das xeracións futuras

Trasno Hackfest organiza a "Trasnada '10"

Evento de traballo semipúblico para o avance da localización ao galego e formación de novos tradutores.

Lugar e Data

Ordes, Galicia. 16 de Outrubro do 2010

Descrición

Evento de mellora, colaboración, debate de procesos e proxectos de localización de aplicativos libres ao Galego[1]. Con apioio particular (iniciación guiada) a novos interesados na localización.

Obxectivos

  • Debate de terminoloxía técnica problemática na lingua galega para a aplicación dos cambios acordados.
    • Coido que o debate terminolóxico mellor por listas de correo, pois permite referencias a fontes, a posibilidade de que queden rexistrados os motivos das escollas, todos poden participar (pénsese en quen non asista), etc. ─ Adrián (e logo?) 07:53, 22 setembro 2010 (UTC)
  • Creación de grupos de traballo para a mellora da calidade das traducións ao galego de aplicativos libres.
  • Creación de grupos de rescate de tradución para proxectos que o precisen.
  • Descrición de procesos e ferramentas usados na tradución de aplicativos libres.
  • Presentación de aplicativos que axuden á verificación ortográfica, gramatical e técnica das cadeas.
  • Revisión dos principais aplicativos.
  • Remisión de traducións a upstream desde os distintos proxectos (Ubuntu, Suse, Fedora).
  • Sesión de titorización de novos localizadores.
Máis información na web de Trasno Hackfest

Queremos Galego organiza "O circo da lingua"

24/09/2010

Política Lingüística presenta a Rede de dinamización lingüística

A Secretaría Xeral de Política Lingüística presentou hoxe a Rede de dinamización lingüística no marco dos XII Encontros para a Normalización Lingüística, que organiza o Consello da Cultura Galega. A través desta iniciativa –cuxa orde de creación foi publicada esta semana no Diario Oficial de Galicia– a secretaría xeral busca congregar as entidades con competencia na promoción do galego coa finalidade de potenciar o proceso de extensión do uso desta lingua de xeito coordinado e planificado desde o ámbito local.
Continuar lendo a noticia.

Concurso de monologos en lingua galega "Que me dis"


Desde o Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Narón, dependente da Concellería de Cultura, poñemos en marcha o I Concurso de Monólogos "Que me dis!!".

Este concurso, que ten como obxectivo promover o emprego da lingua galega nas novas tecnoloxías entre a cidadanía, consiste na gravación de monólogos, tanto en formato vídeo coma audio, que serán colgados na páxina web do concello. As únicas condicións son que estean realizados en lingua galega e en clave humorística.

Os premios aos que podedes optar son un ordenador portátil, unha cámara fotográfica dixital e un MP4.

Animámosvos a todos e todas a que vos acheguedes ás novas tecnoloxías para presentar as vosas propostas. E non vos preocupedes porque estamos á vosa disposición para explicarvos como mandalas a través da web. Podedes realizar as vosas consultas no teléfono 981337700 ext 1516 ou 607223794 (Adela); ou ben consultalo nas bases do concurso na propia web.

Guillermo Sánchez Fojo
Concelleiro de Cultura

02/06/2010

Viaxe ás terras de Rosalía

O día 29 de maio realizamos unha viaxe aos lugares rosalianos dos arredores de Padrón.

O invitado especial desta xeira, que nos guiou a través da súa espléndida palabra, foi o escritor Anxo Angueira, un dos grandes especialistas na vida e obra de Rosalía neste momento.

Esta viaxe guiada estivo precedida dunha conferencia na escola de idiomas de Vigo, na que Angueira nos deu unha visión anovada e particular da personalidade da nosa escritora nacional. Unha interpretación dende a perspectiva de Rosalía como muller en todas as súas dimensións: como muller comprometida coa súa época, a historia, o mundo intelectual e político.

Mais un dos aspectos máis relevantes foi o seu posicionamento como muller: unha escrita dende a muller, protagonizada por mulleres e escrita para mulleres.
Toda esta disertación estivo engalanada polas recitacións do relator, que engaiolaron ñas persoas asistentes pola calidade e potencia da súa palabra.

Estas recitacións tiveron a súa continuidade nos propios lugares en que Rosalía escribíu os seus versos: a Casa da Matanza en Padrón, a igrexa de Iria, o pazo da Ermida entre a banda de Laíño e a banda de Lestrove... Recitación esta última que foi realizada colectivamente, dende a solaina do pazo, contemplando as paisaxes descritas no poema referido.


Finalizou a viaxe nas Torres de Oeste de Catoira, onde se sitúa un dos episodios dun poema da escritora e que tanta evocación motivou no percorrido por este emblemático lugar da nosa historia medieval. Un percorrido que se completou cunha camiñada polas ribeiras do Ulla enfeitizados pola paisaxe da tarde neste lugar.


Podedes ver unha galería de imaxes máis completa desta viaxe para poderdes descargar as fotos que máis vos gusten.

26/04/2010

Excursión ao Courel


Homenaxe a Uxío Novoneyra
no Courel

Domingo 9 de maio 2010



8.00 h: Saída da Escola de Idiomas.

11.00 h: Camiñada desde a Ferrería de Seoane do Courel con destino a Parada (lugar natal do homenaxeado da Letras Galegas) organizada por AMIGOS DE UXÍO NOVONEYRA.
- 3 Km de percorrido a pé.
- Paradas para recitar poemas de Novoneyra, quen o desexar.
- Actuacións musicais durante o camiño.

13.00 h: Acto de homenaxe, xunto a casa natal do poeta:
- Evocación de Uxío Novoneyra e o seu espazo natural.
- Intervirán músicos e cantautores.
- Os participantes que desexen intervir neste acto deben solicitalo antes a uxionovoneyra@gmail.com.
- Remate con ofrenda floral diante da casa de Novoneyra a cargo dun grupo de escolares do Courel.

15.00 h: Xantar ao aire libre nos soutos que rodean a casa de Novoneyra, con fermosas paisaxes. Cada persoa levará a súa mochila de comida e bebida.

19.00 h: Regreso para Vigo.

22.00 h: Chegada a Vigo, Escola de Idiomas.

Observacións: Dada a variación climatolóxica do Courel recomendamos que leven paraugas ou chuvasqueiros.
Tamén pode estar un día de moita calor, como é típico nos altos cumes do Courel.
Estas variacións teñen que terse moi en conta.
As persoas deben levar na súa mochila comida e bebida, dado que en Parada non hai bares nin posibilidade algunha de adquirir alimentos

Data: Domingo, 9 de maio
Hora: 8.00 h na EOI

Prezo: 5 €

Anotacións: Conserxaría da Escola de Idiomas

Organiza: Equipo de Dinamización Lingüística da EOI

22/04/2010


achega un novo Vieros da Escola dedicado á sensibilización sobre o patrimonio cultural no rural do país.

A autoría deste traballo é de Chus Diéguez, Humberto Martínez e Cristina Ogando, profesores no IES de Pontecaldelas.

15/04/2010

Convocatoria 9 de maio no Courel

Os Amigos de Uxío Novoneyra, a través da web www.uxionovoneyra.com demandaron no seu día o apoio para que as Letras Galegas de 2010 fosen dedicadas a este poeta, proposta que posteriormente se conseguiu.
Moitas das persoas asinantes fixeron chegar aos promotores do nomeamento varias propostas para que se realice un acto no Courel. Postos en contacto coas asociacións culturais do Courel, todas elas incidiron en apoiar e participar neste acto unitario, convocado xa nesta web para o próximo domingo 9 de maio. Tendo como punto central a figura humana e literaria de Uxío Novoneyra e, tamén, o espazo do Courel, que el reivindicou a protección do mesmo.

Sobre as 11 h., do día mencionado, sairemos da Ferrería de Seoane, nunha camiñada polo camiño antigo do Real, cara á casa natal do poeta, en Parada.
Durante a camiñada faremos unha lectura de seus poemas así como outras actividades. En Parada, será o acto central no que todos están convidados a participar nunha celebración aberta na que se evoque ao poeta e a seu espazo natural, referente vivo da súa obra: “Os Eidos”.
A poesía, a música e as opinións sobre Uxío Novoneyra serán os referentes que asistan a este acto.
Por esta razón vimos a pedir de novo suxestións para que este encontro sexa amplo, dinámico e participativo.

Na páxina web teremos un apartado expresamente dedicado a este acto, onde iremos informando da evolución do mesmo. Para calquera opinión e suxerencia envíenos a súa mensaxe a uxionovoneyra@gmail.com

Con os mellores cumprimentos.

Amigos de Uxío Novoneyra

UXÍO NOVONEYRA (1930-1999)
http://www.uxionovoneyra.com/
DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2010

A Asociación Socio-Pedagóxica Galega presenta "Canto de Permanencia" sobre Novoneyra

Canto de permanencia é o título sob o que se recollen, en formato audiovisual, tres traballos, autónomos mais complementares, sobre a persoa e a obra de Uxío Novoneyra.
1.- Canto de permanencia, documental creativo e obra experimental, que dá título ao DVD, é unha interpretación, en linguaxe cinematográfica, dunha escolma de textos da obra de Novoneyra. Sobre este guión literario sobreponse un guión de ficción para termos unha obra que combina textos con imaxes reais rodadas en espazos simbólicos da obra de Novoneyra e, xunto con estas, outras recreadas en estudios de gravación ou en espazos interiores e con actores, resultando un produto susceptíbel de ser visionado de maneira autónoma e independente de calquera contexto e de calquera coñecemento previo da obra de Novoneyra. Cabe salientar que, coa selección de textos, o guión procura construír unha liña temporal que podería seguir o devir das catro estacións.

2.- O segundo audiovisual, A Certeza de Sermos, recolle un recitado de textos de Novoneyra por el proprio. Son textos até agora non divulgados procedentes dos fondos documentais da AS-PG, agás un cedido polo CIFP Anxel Casal da Coruña. Van unidos argumentalmente por textos de discursos de Novoneyra coa voz en off de Fernando Morán e teñen en común presentan o seu carácter marcadamente social.

3.- Finalmente, e como Extras, o DVD recolle un recitado de versos dedicados a Novoneyra por Manuel María, Méndez Ferrín, Mª Xosé Queizán, Bernardino Graña e García Bodaño xunto con imaxes inéditas da gravación de Canto de permanencia.

13/04/2010

Penúltimo Acto - grupo de acción poética

Recibimos un correo no que nos informan sobre o grupo de acción poética Penúltimo Acto.
No seu espazo web defínense da seguinte maneira:
"O penúltimo acto non ten principio nin final, nin necesita de testemuñas para aseverar que vive en nós e é posíbel e certo, para saír das palabras e convertelas en acción para pervivilas nesta desmesura necesaria. Penúltimo acto para sermos o que habitamos empregando os nomes axeitados e deletrealos a tódolos ventos para achegarnos antes do final á realidade plena. Un acto de fe para resistirnos a ser invisíbeis."

É un lugar aberto á construción colectiva a través das colaboración que calquera pode enviar para a súa publicación.
Animádevos a coñecelo e participar neste "Penúltimo Acto".

Ponte nas Ondas - programa especial


Dende a organización Ponte nas Ondas recibimos a seguinte comunicación:
O vindeiro venres 16 de abril, a través da nosa páxina web emitiremos a gran programación que estamos a preparar co lema "O tesouro dos avós".
Esta programación, que durará 24 horas , escomezará ás 10 horas (9 no horario portugués) , conterá:
  • Programas realizados nas escolas e nos institutos

  • Música

  • Documentais sobre persoeiros que por idade e coñecementos teñen moito que nos ensinar.

25/03/2010

Congreso de Ponte nas Ondas

23, 24 de abril en Vigo
25 de abril en Melgaço

O Congreso Internacional " PONTES DE CULTURA, PONTES DE FUTURO " sobre os 15 anos de Ponte...nas ondas! preséntase como un evento de reflexión e debate sobre a iniciativa de comunicación que nacía nas beiras do Miño no ano 1995 coa denominación de Ponte...nas ondas!
Desde entón, as actividades impulsadas pola Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte...nas ondas! foron ampliando o seu radio de difusión e tamén foron diversificando os seus ámbitos de actuación. Así, desde uns comezos centrados na actividade radiofónica interescolar abórdanse sucesivamente proxectos de ámbito cultural e internacionais ao amparo de institucións como a UNESCO. Neste sentido merece destacar o labor realizado como promotores da Candidatura Multinacional do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués, que contou cos apoios da Xunta de Galicia e dos gobernos de Portugal e España.