05/12/2009

Certame de Postais de Nadal 2009

(postal de Nerea Iglesias)

Postais electrónicas con lemas sobre o galego

O Parlamento galego acaba de anunciar unha feliz idea: O Parlamento de Galicia afonda no plan de austeridade e suprime os agasallos de Nadal.
Neste plan de aforro de gasto inclúe que tamén os parlamentarios/as envíen as postais de Nadal vía correo electrónico.
Como sabemos que non hai moitas postais en galego na rede, invitámosvos a que contribuades a que as nosas señorías teñan onde escoller.

As postais que enviedes serán expostas neste blog.

Haberá premios en libros para as postais máis suxestivas.

O xurado estará composto por persoas pertencentes ao Equipo de Normalización Lingüística da escola.

Enviádeas ao mail da escola de idiomas (eoi.vigo@edu.xunta.es), ou ao mail do ENL (eoi.vigo.enl@gmail.com)

Prazo: durante todo o mes de Nadal.

(postal de Nerea Iglesias)

"Tentei reflectir o encanto que xa de seu ten o galego como lingua, como se contaxia, como se reproduce cal mitocondria e, do mesmo xeito que á súa terra, como se lle quere."











Dende Viveiro, Lugo, chéganos esta proposta de MARÍA ROLLE

04/12/2009

En galego con sumo gusto

O presidente da Asociación de Funcionarios pola Normalización Lingüística, Xosé González Martínez, invítanos este Nadal a exercermos a galeguidade de poñer nas nosas mesas produtos etiquetados en galego:

"A reivindicación dunha maior presenza social da lingua galega implica que esta se estenda aos ámbitos empresarial e comercial. Non ten fundamento o argumento utilizado para negarse a etiquetar en galego aducindo que a lingua galega pecha portas noutros mercados. Iso non é certo. Que llelo digan ás cento cincuenta e sete adegas galegas que etiquetan no noso idioma e están nos mercados internacionais." Ler a noticia completa...

Esta é unha importante inicaitiva que debemos divulgar entre todas as persoas ás que poidamos chegar. Estaremos protexendo e dinamizando a cormecialización dos nosos produtos e, principalmente, estaremos contribuíndo á difusión do noso idioma e a súa normalización no comercio e na empresa.

Aqui poñemos á vosa disposición unha ampla listaxe de produtos para o Nadal etiquetados en galego sacada da páxina web da Secreataría Xeral de Política Lingüistica.


Moitas grazas tamén ao editor Manuel Bragado, quen nos
amplía esta chamada de atención sobre os produtos etiquetados no noso idioma cun fermoso artigo publicado en Faro de Vigo:
"Cada vez son máis numerosas as empresas que escollen a lingua propia do país para a etiquetaxe dos seus produtos e servizos. Tras o sector dos produtos culturais, dende hai décadas pioneiro nesta aposta, xa son moi diversos os sectores económicos e comerciais que prefiren utilizar o galego como lingua vehicular das súas etiquetas xa que nela atopan un valor engadido que incrementa a competitividade e atractivo dos seus produtos tanto no mercado interior como cando son exportados. Dende o sector vitícola ao das augas minerais e gasosas, pasando polo do mel, do aceite e dos produtos cárnicos, dende o da agricultura ecolóxica ao leiteiro, o galego ten unha presenza habitual na etiquetaxe destes produtos como mellor indicador de orixe con autenticidade." Continuar lendo todo o artigo.
Na web da Coordinadora Galega de Equipos de Dinamización e Normalización Lingüística podedes atopar un modelo de postal de Nadal dinámico que podedes personalizar co texto que desexedes para enviar a outras persoas.

Premede no seguinte enlace para ver a felicitación dinámica da propia Coordinadora.
Aquí ofrecemos unha foto estática da feliciatación:

Animádevos.

Plataforma Queremos Galego convoca reunión

I Simposium Internacional Ecolingua en Vigo

Organizado polo Instituto Galego de Estudos Europeos e Autonómicos (IGEA)

"O I Simpósium Internacional Ecolingua 2009 analizará en Vigo os próximos días 17, 18 e 19 de decembro a realidade lingüística de Galicia a través de máis de vinte conferencias e mesas redondas, cincuenta especialistas darán a coñecer modelos e políticas lingüísticas no ámbito do estado e no plano internacional en países plurilingües." ler o resto da noticia en Xornal

Tamén podedes accdeder ao programa do simpósium.

Tamén podedes descargar o tríptico do simósium.

Recomendámosvos a lectura da intervención de Xabier P. Docampo no Simposium.

CONVERS-ANDO en Vigo

CONVERS-ANDO é un fermoso e necesario proxecto no traballo de concienciación sobre o emprego do noso idioma, ou como as persoas que forman este colectivo o definen: "unha acción para dialogar coa cidadanía de forma creativa e participativa e rachar os estereotipos que rodean o galego".

CONVERS-ANDO organiza para este sábado día 12 de decembro en Vigo un encontro para que calquera de vós se achegue ao longo do día e poida coñecer de primeira man esta iniciativa.

Tedes o programa ao voso dispor nos enlaces resaltados, así como participar na súa rede social en FaceBook.
Nesta rede social atoparedes un extenso álbum de fotos doutros encontros que xa realizaron por distintos lugares de Galicia.

A nova Lei de Caixas recollerá os nosos dereitos lingüísticos?


É importante que cada nova lei que se promulgue dende o noso Parlamento contemple tamén os dereitos lingüísticos da cidadanía galega.
As caixas galegas caracteizáronse ata agora por ir pasiño a pasiño na incorporaciónj do noso idioma, e mesmo un paso para adiante e outro para atrás, como fora aquela campaña de Caixagalicia que aparecía en autocolantes nos seus portelos indicando que nas súas caixas tamén se atendía en galego e que logo desapareceu.

Hoxe lemos no blog do presidente d'A Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, que esta asociación se vai dirixir aos partidos políticos presentes no Parlamento para lles solicitaren que na nova Lei de caixas se garantan os nosos dereitos lingüísticos. Parabéns, don Carlos. Agardamos que esta xusta reivindicación sexa atendida en beneficio dun idioma que loita por ocupar o espazo que lle corresponde nunha sociedade cada vez máis ocupada polo castelán.

Tal como sinalan no seu comunicado, a Carta Europea das Linguas, "ratificada por unanimidade no Congreso dos Deputados no ano 2001, sinala no parágrafo 2.a do artigo 13 que se deben “incluír nos seus regulamentos financeiros e bancarios cláusulas que permitan, a través de procedementos compatíbeis coas prácticas comerciais, o uso das linguas rexionais ou minoritarias na redacción de ordes de pagamento (cheques, letras, etc) , ou outros documentos financeiros, ou cando sexa pertinente, asegurar a aplicación de ditas emendas.”"

Novo Decreto do galego


O tema sobre a próxima derrogación do Decreto do galego é motivo de referencias na prensa a partir da declaracións realizadas pola presidenta da Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística, Valentina Formoso.

Xornal de Galicia: "Mentres a Xunta dá as últimas puntadas ao novo decreto que virá substituír ao do galego no ensino, os lingüistas advirten dos perigos de eliminar a obriga de impartir o 50% das materias na lingua propia da comunidade. Segundo os Equipos de Dinamización e Normalización Lingüística (EDNL), “no caso de que se elimine esta obriga e se deixe ao libre albedrío de centros ou pais, a elección da lingua na que reciben clase os seus fillos, instaurarase un aprendizaxe de idiomas de dúas ou tres velocidades”. (podedes ler o resto da noticia premendo sobre o enlace do xornal)

Atlántico Diario: "La próxima derogación del decreto del gallego en la enseñanza por la actual Xunta y el nuevo texto que presentará este mes instaurará un aprendizaje de idiomas 'de tres o cuatro velocidades', en el caso de que elimine la instrucción de al menos un 50 por ciento de asignaturas en gallego y se deje al libre albedrío de cada centro o de los padres la elección de la lengua en la que reciben la clase sus hijos, según advirtieron los equipos de normalización y dinamización lingüística (EDNL) de Galicia."

A Nosa Terra: "Eliminar a obriga de que polo menos o 50 por cento das materias educativas se imparta en galego desembocará nun modelo de "tres ou catro velocidades" na aprendizaxe de idiomas. Así o advirten os Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística (ENDL).

A portavoz da Coordinadora dos ENDL, Valentina Formoso, explicou que a libre escolla da lingua nas aulas poralle trabas á aprendizaxe e promoción do galego. "Isto suporía unha perda de dominio da lingua, en especial nos ámbitos urbanos, onde xa hai pouco contacto coa lingua".

Un apuntamento sobre sociolingüística

Atopamos un interesante artigo sobre sociolingüística do galego escrito por Carlos Callón, presidente d'A Mesa pola Normalización Lingüística e publicado no único diario en galego do noso país, Galicia-Hoxe. Del extractamos o seguinte parágrafo:

"... o noso idioma é hoxe maioritario en Galiza se non contamos o ensino (en calquera das súas etapas: de infantil á universidade, e en calquer das súas titularidades, público, concertado ou privado), a publicidade, a etiquetaxe e a rotulaxe comercial, os prospectos dos medicamentos, a sanidade pública e privada, a atención ao público en todas as administracións, a documentación, a publicidade e as sinalizacións da Administración Xeral do Estado, as notarías, os xulgados, as radios, as televisións, os xornais impresos e os electrónicos, as revistas, os servizos de hostalaría, o transporte público, as aseguradoras, os bancos, as caixas de aforros, os supermercados, os talleres, a oferta editorial, as tendas de roupa, as conserveiras, as ETTs, a garda civil, o exército, as autoescolas, a policía nacional, os xoguetes, as estreas de cinema ou DVDs, os videoxogos, os servizos telefónicos de apoio ao cliente, os grupos máis novos en idade...".

Informe do Consello da Cultura sobre o galego nos medios

O Consello da Cultura Galega publicou un informe titulado "A lingua das novas" sobre a presenza do noso idioma nos medios de comunicación. Os resultados son moi significativos e invitámosvos a coñecelos premendo sobre o enlace correspondente.

Adiantámosvos as palabras introdutoras que aparecen na web do Consello da Cultura:
"O informe analiza a situación lingüística dun dos actores sociais que máis podería ter contribuído á impulsión e consolidación do proceso de normalización lingüística do galego –os medios de comunicación– e que, por diversas causas, continúa a ser practicamente monolingüe na actualidade. O estudo é froito do traballo dun grupo de investigación que iniciou o estudo no ano 2002. Mediante o emprego de técnicas de investigación cuantitativas e cualitativas obtivéronse datos e análises non só dos hábitos lingüísticos dos medios de comunicación impresos e audiovisuais na Galicia actual senón, ademais, das actitudes e reflexións dos seus protagonistas –xornalistas e directores de medios de comunicación– e outros analistas da situación –lingüistas, sociólogos, economistas, filósofos… Pretendíase non só coñecer a lingua actual dos medios de comunicación, senón tamén as causas e consecuencias de que outra realidade posible non exista."

Por que optei polo galego?

Invitámosvos a outra proposta: contardes por que optastes polo galego. Que fixo que vos decidísedes pola utilización habitual e normal do noso idioma na vosa vida cotiá.

Esta proposta está recollida directamente dunha anotación que o escritor Francisco Castro publicou no seu blog, respondendo esta mesma pregunta sobre si mesmo e que tantas respostas está motivando. Esta "confesión" de F. Castro fíxonos reflexionar sobre a importancia de que moitas persoas que decidiron empregar sempre o galego na súa vida nos contasen por que optaron por facelo e servir de aliciente a outras moitas persoas que o lean e que poidan animarse a facelo tamén.

Temos que enviarlle unha forte aperta a Francisco Castro e o noso profundo agradecemento polas continuas ideas coas que sementa este país.

Polo tanto, non vos cortedes e escribide as vosas "confesións" no apartado de "cometarios" ou enviádeas ao noso mail: eoi.vigo.enl@gmail.com

03/12/2009

A nosa lingua mobiliza


Esta é a noticia que acabamos de recibir sobre a creación dunha nova iniciativa que traballará en prol da galeguización do ensino en Galicia.

O 5 de Decembro, sábado, ás 6 e media da tarde no Centro Cívico Municipal do Castrillón ( na praza Pablo Iglesias) , na cidade da Coruña, constituíuse a Asociación "Comisión promotora de ensino: Galiza co Galego".
Continuar lendo a noticia...

Asinade o voso apoio a esta iniciativa no seu blog.

Premio estatal Lazarillo para Marcos S. Calveiro


Parabéns para Marcos S. Calveiro, gañador do Premio Lazarillo de Narrativa Xuvenil cunha obra en galego: O pintor do sombreiro de malvas, unha extraordinaria recreación dos últimos meses de vida do pintor Van Gogh.

Podedes ir directamente ao blog do escritor para coñecerdes de primeira man a súa propia valoración.
Xornal dedícalle toda unha páxina con detallada información sobreas características da obra.
Tamén o fai o noso único diario en galego, Galicia-Hoxe.

Novo libro sobre o noso idioma

Pilar García Negro, De fala a lingua: un proceso inacabado

"Reúne este volume artigos, estudos e traballos varios de case unha década, a inicial deste século, todos eles referidos á lingua de noso...". Podedes continuar lendo o comentario sobre este libro na Editorial Laiovento.

Tendes tamén aquí un vídeo sobre a presentación desta interesante obra:

Windows 7 estará en galego

Windows 7 estará en galego dentro duns meses, segundo confirmou a Secretaría Xeral de Política Lingüística. O lanzamento do sistema operativo de Microsoft na nosa lingua chegará ao mesmo tempo cá versión en éuscaro, como acontecera co Windows Vista. A versión en catalán de Windows 7 presentouse este martes, confirmando a especial atención que ten Microsoft cara ao mercado catalanfalante." Continuar lendo a noticia en Vieiros.com.

Ante esta noticia xorden varias preguntas:

  • Por que sempre imos por detrás do castelán na incorporación das novas tecnoloxías?
  • Non tiña a administración galega a previsión da aparición desta nova versión do sistema operativo Windows?
  • Por que outros idiomas da península coma o castelán e o catalán si teñen esa previsión?
  • É un gasto ou un investimento para unha administración estar á altura dos acontecementos?
  • Por que a nosa administración non é capaz de crear "mercados galegofalantes" á par dos "mercados castelanfalantes"?
  • Por que se permite dende a nosa administración que o galego sexa tratado como un idioma de segunda no noso propio país?
  • Por que non temos o mesmo dereito e oportunidade de ter Windows 7 en galego igual ca os demais idiomas?

Entrevista co sociolingüísta Mauro Fernández

A Nosa Terra publica unha entrevista co Director científico do I Mapa Socio Lingüístico de Galicia de 1992 e profesor da Universidade da Coruña, Mauro Fernández.
Desta entrevista sacamos algunha frases que podedes continuar lendo no artigo completo:

"Cando comparamos o Censo de 2001 co de 1991, o que vemos é que non cambiou a porcentaxe de persoas que teñen o galego como lingua habitual".
"Son algúns máis os que cambiaron cara o galego cós que cambiaron cara o castelán".
"
En cidades como A Coruña ou Vigo falábase máis galego a mediados dos 90 que a principios do século XX".
"
Que o galego sexa aínda a lingua máis falada en Galicia é unha boa noticia".

02/12/2009

Publicación doutra importante contribución á nosa lingua


VV. AA., Sobre o racismo lingüístico, Ed. Laiovento, 2009.

"... non aceptamos resignadamente que se nos inoculen doses mortais de amnesia, que derrame ou vaporice tantos anos --décadas-- de loita pacífica, democrática e pedagóxica a prol do idioma". Estas son algunhas das palabras con que as persoas autoras deste libro presentaron a súa obra.

Felicitamos dende aquí a Edicións Laiovento por esta nova publicación sobre a nosa lingua.

Poñemos aquí dous interesantes momentos da presentación desta obra, coa intervención dun dos seus autores, o xuíz Luis Villares Naviera:





01/12/2009

Para cantar nos aniversarios

"Parabéns"

Parabéns para ti
Nesta data querida.
Moitas felicidades,
Moitos anos de vida.

Hoxe é día de festa.
Cantan as nosas almas
Para a mociña .........
Unha salva de palmas.

Seminario sobre lingua, sociedade e política en Galicia

.

"O Consello da Cultura Galega comeza hoxe o seu Seminario sobre lingua, sociedade e política en Galicia. Este encontro quere facer unha ampla reflexión colectiva sobre o xeito en que vivimos o galego e a acción política encol do mesmo. O proxecto prevé intervencións dalgúns dos máis destacados especialistas na nosa lingua, así coma de reputados sociolingüistas ou filólogos doutros espazos culturais, sendo cada un deles retrucado por outro investigador." Continuar lendo a noticia na web do Consello da Cultura Galega.

Podedes acceder a máis información sobre este Seminario sobre lingua, sociedade e política en Galicia, así coma ao seu programa.