26/04/2010

Excursión ao Courel


Homenaxe a Uxío Novoneyra
no Courel

Domingo 9 de maio 2010



8.00 h: Saída da Escola de Idiomas.

11.00 h: Camiñada desde a Ferrería de Seoane do Courel con destino a Parada (lugar natal do homenaxeado da Letras Galegas) organizada por AMIGOS DE UXÍO NOVONEYRA.
- 3 Km de percorrido a pé.
- Paradas para recitar poemas de Novoneyra, quen o desexar.
- Actuacións musicais durante o camiño.

13.00 h: Acto de homenaxe, xunto a casa natal do poeta:
- Evocación de Uxío Novoneyra e o seu espazo natural.
- Intervirán músicos e cantautores.
- Os participantes que desexen intervir neste acto deben solicitalo antes a uxionovoneyra@gmail.com.
- Remate con ofrenda floral diante da casa de Novoneyra a cargo dun grupo de escolares do Courel.

15.00 h: Xantar ao aire libre nos soutos que rodean a casa de Novoneyra, con fermosas paisaxes. Cada persoa levará a súa mochila de comida e bebida.

19.00 h: Regreso para Vigo.

22.00 h: Chegada a Vigo, Escola de Idiomas.

Observacións: Dada a variación climatolóxica do Courel recomendamos que leven paraugas ou chuvasqueiros.
Tamén pode estar un día de moita calor, como é típico nos altos cumes do Courel.
Estas variacións teñen que terse moi en conta.
As persoas deben levar na súa mochila comida e bebida, dado que en Parada non hai bares nin posibilidade algunha de adquirir alimentos

Data: Domingo, 9 de maio
Hora: 8.00 h na EOI

Prezo: 5 €

Anotacións: Conserxaría da Escola de Idiomas

Organiza: Equipo de Dinamización Lingüística da EOI

22/04/2010


achega un novo Vieros da Escola dedicado á sensibilización sobre o patrimonio cultural no rural do país.

A autoría deste traballo é de Chus Diéguez, Humberto Martínez e Cristina Ogando, profesores no IES de Pontecaldelas.

15/04/2010

Convocatoria 9 de maio no Courel

Os Amigos de Uxío Novoneyra, a través da web www.uxionovoneyra.com demandaron no seu día o apoio para que as Letras Galegas de 2010 fosen dedicadas a este poeta, proposta que posteriormente se conseguiu.
Moitas das persoas asinantes fixeron chegar aos promotores do nomeamento varias propostas para que se realice un acto no Courel. Postos en contacto coas asociacións culturais do Courel, todas elas incidiron en apoiar e participar neste acto unitario, convocado xa nesta web para o próximo domingo 9 de maio. Tendo como punto central a figura humana e literaria de Uxío Novoneyra e, tamén, o espazo do Courel, que el reivindicou a protección do mesmo.

Sobre as 11 h., do día mencionado, sairemos da Ferrería de Seoane, nunha camiñada polo camiño antigo do Real, cara á casa natal do poeta, en Parada.
Durante a camiñada faremos unha lectura de seus poemas así como outras actividades. En Parada, será o acto central no que todos están convidados a participar nunha celebración aberta na que se evoque ao poeta e a seu espazo natural, referente vivo da súa obra: “Os Eidos”.
A poesía, a música e as opinións sobre Uxío Novoneyra serán os referentes que asistan a este acto.
Por esta razón vimos a pedir de novo suxestións para que este encontro sexa amplo, dinámico e participativo.

Na páxina web teremos un apartado expresamente dedicado a este acto, onde iremos informando da evolución do mesmo. Para calquera opinión e suxerencia envíenos a súa mensaxe a uxionovoneyra@gmail.com

Con os mellores cumprimentos.

Amigos de Uxío Novoneyra

UXÍO NOVONEYRA (1930-1999)
http://www.uxionovoneyra.com/
DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2010

A Asociación Socio-Pedagóxica Galega presenta "Canto de Permanencia" sobre Novoneyra

Canto de permanencia é o título sob o que se recollen, en formato audiovisual, tres traballos, autónomos mais complementares, sobre a persoa e a obra de Uxío Novoneyra.
1.- Canto de permanencia, documental creativo e obra experimental, que dá título ao DVD, é unha interpretación, en linguaxe cinematográfica, dunha escolma de textos da obra de Novoneyra. Sobre este guión literario sobreponse un guión de ficción para termos unha obra que combina textos con imaxes reais rodadas en espazos simbólicos da obra de Novoneyra e, xunto con estas, outras recreadas en estudios de gravación ou en espazos interiores e con actores, resultando un produto susceptíbel de ser visionado de maneira autónoma e independente de calquera contexto e de calquera coñecemento previo da obra de Novoneyra. Cabe salientar que, coa selección de textos, o guión procura construír unha liña temporal que podería seguir o devir das catro estacións.

2.- O segundo audiovisual, A Certeza de Sermos, recolle un recitado de textos de Novoneyra por el proprio. Son textos até agora non divulgados procedentes dos fondos documentais da AS-PG, agás un cedido polo CIFP Anxel Casal da Coruña. Van unidos argumentalmente por textos de discursos de Novoneyra coa voz en off de Fernando Morán e teñen en común presentan o seu carácter marcadamente social.

3.- Finalmente, e como Extras, o DVD recolle un recitado de versos dedicados a Novoneyra por Manuel María, Méndez Ferrín, Mª Xosé Queizán, Bernardino Graña e García Bodaño xunto con imaxes inéditas da gravación de Canto de permanencia.

13/04/2010

Penúltimo Acto - grupo de acción poética

Recibimos un correo no que nos informan sobre o grupo de acción poética Penúltimo Acto.
No seu espazo web defínense da seguinte maneira:
"O penúltimo acto non ten principio nin final, nin necesita de testemuñas para aseverar que vive en nós e é posíbel e certo, para saír das palabras e convertelas en acción para pervivilas nesta desmesura necesaria. Penúltimo acto para sermos o que habitamos empregando os nomes axeitados e deletrealos a tódolos ventos para achegarnos antes do final á realidade plena. Un acto de fe para resistirnos a ser invisíbeis."

É un lugar aberto á construción colectiva a través das colaboración que calquera pode enviar para a súa publicación.
Animádevos a coñecelo e participar neste "Penúltimo Acto".

Ponte nas Ondas - programa especial


Dende a organización Ponte nas Ondas recibimos a seguinte comunicación:
O vindeiro venres 16 de abril, a través da nosa páxina web emitiremos a gran programación que estamos a preparar co lema "O tesouro dos avós".
Esta programación, que durará 24 horas , escomezará ás 10 horas (9 no horario portugués) , conterá:
  • Programas realizados nas escolas e nos institutos

  • Música

  • Documentais sobre persoeiros que por idade e coñecementos teñen moito que nos ensinar.