12/11/2010

Concurso de Postais de Nadal electrónicas


Postal de Nerea Iglesias
Resultado do concurso:

Logo de votaren os membros do EDL da escola as postais presentadas, resultaron dúas elixidas con maior número de votos:
  • Nerea Iglesias
  • Socorro Galvis
Os premios son 50€ e 30€ en libros que poderán elixir na libraría Andel de Vigo.

Concurso
Postais de Nadal electrónicas con lemas sobre o galego.

En épocas de ecoloxía e crise, esta é unha das formas máis rápidas e económicas de felicitar as persoas que coñecemos.
Como sabemos que non hai moitas postais en galego na rede, invitámosvos a que contribuades a que quen quixer poida copialas e pegalas nos seus correos electrónicos.

As postais que enviedes serán expostas neste blog para que todo o mundo poida acceder á súa copia e difusión.

Haberá premios en libros para as postais máis suxestivas.

O xurado estará composto por persoas pertencentes ao Equipo de dinamización Lingüística da escola de idiomas

Enviádeas ao mail do EDL (eoi.vigo.enl@gmail.com)

Prazo: ata o Nadal.

Aquí tendes un exemplo máis elaborado:

Facemos unha postal de Nadal
View more presentations from Xosé Ribeira.

Postais que podemos ogfrecervos para copiar e enviar nos vosos correos:

Amelia Losada

Adrián Alonso



Socorro Galvis



Teresa Dorado









Concepción Álvarez

09/11/2010

Festa do Magosto 2010 na EOI


Festa do Magosto
na escola de idiomas
Mércores 10 de novembro
Nun fresco serán de novembro, na véspera de san Martiño, a EOI volveu encher a súa entrada principal do agradable recendo das castañas asadas.
Foron centos de alumnos e alumnas os que se achegaron ao longo do tempo que durou a festa, principalmente nas entradas e saídas das aulas, os que degustaron os cincuenta quilos que dispuxemos para este ano.
Foi unha organización na que a Asociacion de Alumnado e o Equipo de Dinamización Lingüística estiveron toodo o tempo coidando do bo funcionamento e atención a todo o mundo.
Non faltaron castañas e bebidas para quen se achegou e participou deste ancestral ritual gastronómico do noso país.
Non só respiramos o arrecendo do magosto, senón tamén o arrecendo da nosa raíz, da nosa cultura e do noso idioma.
Temos unha pequena galería de imaxes para quen queira achegarse a algúns dos seus momentos.


06/11/2010

Programa "BOCABERTA" da Secretaría Xeral de Política Lingüísitca


Xa está en marcha o programa Bocaberta 2010-2011, unha iniciativa coa que a Secretaría Xeral de Política Lingüística busca promover a lingua galega entre os rapaces e rapazas de 3 a 18 anos. As actividades que conforman Bocaberta están elaboradas desde os intereses dos nenos e dos mozos co obxectivo fundamental de propiciar a súa participación activa a través da palabra.
Este programa de dinamización lingüística lévase a cabo en colaboración con 14 entidades, entre as que hai editoriais, discográficas, empresas de dinamización propiamente dita e artistas. A natureza das actividades responde aos intereses dos nenos e dos mozos e cobre un amplo abano de tipoloxías. En total, 747 accións coas que a Secretaría Xeral de Política Lingüística chegará a máis de medio millón de rapaces e rapazas e estará presente en todos os concellos de Galicia.
O calendario de actividades pódese consultar na web da SXPL.


04/11/2010

Videoconferencia vía web Do CERN a Compostela coa Física de Partículas.

Con motivo da celebración da Xornada pola Ciencia en Galego, a Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística e o Departamento de Física de Partículas da Universidade de Santiago de Compostela convidan a todos os centros educativos non universitarios a participar na videoconferencia vía web Do CERN a Compostela coa Física de Partículas.



Nela, investigadores galegos do CERN (Laboratorio Europeo de Física de Partículas) e da Facultade de Fisica da USC explicarán os proxectos científicos que desenvolven na actualidade. Ademais de seguir a videoconferencia, os centros escolares que desexen participar terán a posibilidade de interaccionar con eles vía chat.
A videoconferencia terá lugar o xoves 4 de novembro entre as 10:30h e as 11:30h a través dunha sala virtual de fácil manexo.
Os centros interesados (ata un máximo de 100) deben pórse en contacto coa CGENDL.

03/11/2010

Campionato de Trivial Día da Ciencia en Galego

O Día da Ciencia en Galego é unha xornada dirixida ao mundo do ensino e a toda a sociedade co obxectivo de expresarmos que o galego é unha lingua axeitada para a transmisión do coñecemento científico e tecnolóxico e para divulgar experiencias escolares pensadas e desenvolvidas en galego.O Día da Ciencia en Galego está adicado a Ramón Mª Aller Ulloa, Afonso X e James Clerk Maxwel.

A xornada terá lugar o día 4 de novembro de 2010 e o profesorado, xunto co alumnado, pode participar organizando libremente unha actividade de divulgación adaptada a cada realidade e aos diferentes niveis educativos. A AS-PG, que participa nesta convocatoria, convoca un Campionato de Trivial

02/11/2010

Presentación dun novo libro

O próximo venres 5 de novembro ás 18,30 h. na Casa Galega da Cultura (praza da Princesa, 2), terá lugar o acto de presentación en Vigo do libro
ESTUDOS XURÍDICOS SOBRE O DECRETO PARA O PLURILINGÜISMO
de Luís Villares Naveira (coord.).

O mesmo día haberá actos semellantes na faculdade de Filoloxía, ás 12.00h, e, na mesma Casa Galega da Cultura, ás 20.00h, para o público en xeral.

Organizan: Queremos Galego - A MESA pola Normalización Lingüística - Área de NL da Universidade de Vigo - Coordinadora de ENLs de Vigo e bisbarra - Edicións Laiovento

01/11/2010

Campaña "O galego é o noso medio natural"



O campus universitario vigués acolleu a presentación de “O galego é o noso medio natural”, unha campaña que nace da colaboración institucional da Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo coa Coordinadora Galega de ENDL. Esta iniciativa de vocación ecolingüística procura vencellar a conciencia lingüística e a ecolóxica, mostrar o perigo da perda e/ou mestura de linguas e/ou especies ecolóxicas, convocar á comunidade educativa e á sociedade galegas á reflexión sobre a responsabilidade que temos cara á lingua propia e cara ao noso medio natural, así como potenciar o uso do galego.
A campaña materialízase na edición de diversos materiais (camisolas, adhesivos, petates, gorros, chapas, etc.), entre os que destaca un caderno-ecoguía, elemento central que ten como obxectivo transmitir, principalmente entre o alumnado, mensaxes sobre a perda, a mestura e a recuperación de especies e de linguas.