14/02/2010

Selección de voces para gravar poemas de Novoneyra

A Asociación Socio-pedagóxica Galega (AS-PG) está a preparar un vídeo sobre Uxío Novoneyra que estará dispoñíbel a comezos de abril. No vídeo incorpóranse algúns poemas do libro Os Eidos.

A gravación dos textos terá lugar en marzo. Queremos abrir a posibilidade de participar neste documental a todos as persoas que o desexen.
Por iso a as-pg convoca un concurso para a selección das voces (unha voz masculina e unha voz feminina) que recitarán os textos de Novoneyra.

Consultade dende aqui as bases desta convocatoria.

03/02/2010

Exposición “Ramón Piñeiro, olladas no futuro”

Temos na Escola de Idiomas de Vigo unha das exposicións máis importantes sobre a figura de Ramón Piñeiro organizadas en Galicia.

A exposición “Ramón Piñeiro, olladas no futuro” recrea a personalidade dunha das figuras máis representativas e influentes de Galicia da segunda metade do S.XX que puxo a súa vida ao servizo da reconstrución da identidade de Galicia e da dignificación da súa cultura.


Esta exposición consta de 21 paneis nos que se diferencia unha primeira parte: SINGRADURA VITAL (1915-1990) co seu contexto histórico (TEMPO) e en paralelo, como viviu Ramón Piñeiro dita etapa (VIDA).


A segunda parte, CONCIENCIA DA GALEGUIDADE, reúne a obra colectiva: a “Xeración Galaxia” (a Editorial Galaxia e o primeiro Grial, a Editorial Galaxia e a revista Grial e a importancia do idioma) e a súa obra persoal (significado de saudade, galeguismo e nacionalismo e unha cadeira socrática. Contactos, diálogos, compromisos).


Elementos expositivos: 21 paneis, 2 puntos interactivos, 1 documental, 7 vitrinas con obxectos, publicacións e cartas persoais, 1 peana con máquina de escribir e a recreación do seu gabinete.

Fonte: "Verbum" Casa das Palabras de Vigo.

Xornadas de análise da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias


Celebranse os vindeiros 22 e 23 de febreiro no Consello da Cultura Galega.

O programa do encontro, coordinado por Alba Nogueira, inclúe a presenza de expertos europeos na CELMR que abordarán cuestións de relevo como o réxime de protección do ensino, a intervención lingüística na vida económica e social, os intercambios transfronteirizos ou réximes de protección, obxectivos e principios da CELMR, entre outros.

A asistencia ás xornadas de análise da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias é libre e gratuíta. A capacidade do salón de actos onde se realizarán é de cen persoas, polo que todas aquelas interesadas en asistir deberán remitir un correo electrónico ao enderezo loxistica@consellodacultura.org onde conste o seu nome, DNI, teléfono e actividade profesional. A aceptación da inscrición nas xornadas será confirmada pola organización mediante un correo electrónico.

Para máis información prema aquí:

http://consellodacultura.org/?page_id=1610

XI PREMIO DE RELATOS CURTOS E CONTOS “XAQUINA TRILLO”

Está destinado a fomentar a escritura e lectura en galego entre @s moz@s. Convócase entre estudiantes de ata dezaoito anos dos Institutos de Ensinanza Secundaria e os Centros de Ensinanza Infantil e Primaria. Establecéndose dúas categorías por idades.
O fallo do premio correspóndelle ao Xurado, composto por intelectuais galegos de recoñecido prestixio e farase público o Día das Letras Galegas en Vilagarcía de Arousa.

ÁMBITO TERRITORIAL: Galicia

NÚMERO DE BENEFICIAROS: 125.357 alumnos de ESO E BACHARELATO/ 191.565 alumnos de Infantil e Primaria.

CALENDARIO: Dende o 01/01/2010 ata o 30/04/2010 (DATA LÍMITE DE PRESENTACIÓN DOS TRABALLOS) FALLO XURADO: 13/05/2010.

    BASES DO CERTAME:

  • A Fundación Amigos de Galicia, coa colaboración do Concello de Vilagarcía de Arousa, e o patrocinio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, pertencente á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, convoca o XI Premio de Relatos Curtos e Contos “Xaquina Trillo” para escolares, co dobre obxectivo de fomentar a creación literaria entre os nenos e mozos, e o uso do galego.
  • Poderán participar todos os escolares galegos ata 18 anos, dentro de dúas categorías (categoría A, ata 12 anos, e categoría B, entre 13 e 18 anos).
  • Os contos serán de tema libre, debendo ter na Categoría A unha extensión mínima de cinco folios, e de dez na Categoría B. En ámbolos dous casos, deberán presentarse dúas copias mecanografadas, a dobre espazo.
  • Os contos serán enviados polo seu autor ou polo Colexio/Instituto no que estude.
  • Establécense os seguintes premios:
    • CATEGORÍA A*: contos escritos por nenos de ata 12 anos.
      • 1º Premio 200€ e 20 libros
      • 2º Premio 150€ e 20 libros
      • 3º Premio 100€ e 20 libros
      • 4º Premio 75€ e 20 libros
    • CATEGORÍA B*: contos escritos por nenos de entre 13 e 18 anos.
      • 1º Premio 200€ e 20 libros
      • 2º Premio 150€ e 20 libros
      • 3º Premio 100€ e 20 libros
      • 4º Premio 75€ e 20 libros

      *A contía será equivalente en libros premiados para os centros de ensino.

  • O Xurado estará formado por escritores e profesores galegos, actuando como Secretario con voz pero sen voto, Jesús Busto Peteiro. A súa decisión será inapelable e terá lugar o 13 de maio de 2010, no Concello de Vilagarcía de Arousa.
  • O lugar de presentación é a sede da Fundación Amigos de Galicia en Rúa Fontecarmoa, nº 63 –baixo, 36600 de Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), ou por correo electrónico: informacion@fundacionamigosdegalicia.org, e a data límite de presentación será o 30 de abril de 2010.
  • Os contos premiados serán publicados nun único libro. Os traballos na súa primeira edición serán propiedade da Fundación Amigos de Galicia.
  • A presentación a este Concurso supón a aceptación destas BASES, decidindo o Xurado sobre calquera eventualidade non prevista nelas.
  • Os premios deste certame entregaranse no acto que se celebrará co gallo do Día das Letras Galegas, o 17 de maio de 2010, a celebrar en Vilagarcía de Arousa (Pontevedra).

Organiza Fundación Amigos de Galicia

Colabora o Concello de Vilagarcía de Arousa

Co patrocinio da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria – Secretaría Xeral de Política Lingüística.

"55 mentiras sobre a lingua galega"


A plataforma a prol da defensa e promoción da lingua galega ProLingua
presentará o próximo venres 5 de febreiro a súa primeira publicación
titulada "55 mentiras sobre a lingua galega", coordinada polo profesor
da Universidade de Vigo Xosé-Henrique Costas.

En Vigo será o venres, 5 de febreiro ás 20.00 h na Casa Galega da Cultura, praza da Princesa.

Esta publicación pretende ser un argumentario sinxelo e clarificador,
ao tempo que sólido e rigoroso, que axude a sociedade galega a
comprender e superar aquelas valoracións e interpretacións
subxectivas, ideoloxizadas desde unha óptica exclusivamente
partidista, erróneas ou perversas que perseguen o obxectivo de
actuaren de freo ao camiño da necesaria reposición e normalización de
usos para a lingua galega no seo da súa sociedade.

Co gallo de ofrecer unha análise dos prexuízos máis comúns que difunden os negacionistas do idioma, sae publicado este esperado libro útil, unha obra rigorosa que, paseniño e cun ton distendido, avanza até desmontar por completo, unha por unha, as principais falacias que ao correr da historia se veñen vertendo sobre a lingua galega, facendo fincapé naquelas que, por diversas razóns que tamén o libro pon de relevo, a día de hoxe teñen un maior calado na sociedade.

Xa que logo, podemos falar desta publicación como dunha reacción organizada, limpa e contundente contra as difamacións daqueles que, por complexo, mesquindade ou ambas as dúas cousas, só buscan o esmorecemento da lingua propia de Galicia, o galego.

Nos próximos días ofreceremos no noso blogue, http://prolinguagalega.org, cumprida información da multipresentación que deste libro se fará simultaneamente en máis de medio cento de localidades espalladas polo noso país.

BASES DO XVI PREMIO DE POESÍA “O GRELO”


O Premio de Poesía O Grelo está concibido coma un concurso estrictamente en galego para dar a coñecer a poetas noveis, publicando o seu primeiro libro pola dificultade que isto representa.

De O Grelo xurdiron figuras destacadas nas letras galegas hoxe en día como Marta Dacosta, Anxo Angueira, Modesto Fraga, Samuel Solleiro, entre outros.

O Xurado confórmano destacados poetas e escritores galegos, de recoñecida solvencia intelectual.

O Fallo do Xurado farase público e entregarase o Día das Letras Galegas en Vilagarcía de Arousa.

ÁMBITO TERRITORIAL: Galicia

NÚMERO DE BENEFICIAROS: Tod@s @s autores interesad@s.

CALENDARIO: Dende o 01/01/2010 ata o 30/04/2010 (DATA LÍMITE DE PRESENTACIÓN DOS TRABALLOS) FALLO XURADO: 15/05/2010.

    BASES DO CERTAME:

  • A Fundación Amigos de Galicia, coa colaboración do Concello de Vilagarcía de Arousa, e o patrocinio Secretaría Xeral de Política Lingüística, pertencente á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, convoca o XVI Premio de Poesía O Grelo, para fomentar o uso do galego entre as xeracións máis novas, sabendo que nelas está de xeito importante o porvir da literatura de Galicia, e da nosa lingua.
  • Establécese un único premio en lingua galega de 1.000€ para o gañador, e 100 exemplares do libro premiado.
  • Poderán participar poetas e escritores de calquera nacionalidade, a condición de que presenten os seus traballos en idioma galego e non teñan publicado ningún libro.
  • O tema será libre e cunha extensión mínima de 600 versos (imprescindible).
  • Os orixinais presentaranse por quintuplicado, mecanografados a dobre espazo, baixo plica, e serán enviados á sede da Fundación Amigos de Galicia en Rúa Fontecarmoa, nº 63 – baixo, 36600 de Vilagarcía de Arousa, ou por correo electrónico a informacion@fundacionamigosdegalicia.org. O prazo de presentación finaliza o 30 de abril de 2010, ás 14.00 hrs.
  • Os traballos premiados serán propiedade dos seus respectivos autores, agás a primeira edición que será publicada pola Fundación Amigos de Galicia. En posteriores edicións deberá constar a súa condición de “Premio O Grelo”, Fundación Amigos de Galicia.
  • O Xurado estará formado por escritores e xornalistas galegos. A súa decisión será inapelable e terá lugar o 15 de maio de 2010, no Concello de Vilagarcía de Arousa.
  • Os orixinais premiados non serán devoltos aos seus autores, nin os organizadores manterán contacto con eles.
  • A interpretación destas bases corresponderá exclusivamente ao Xurado que outorgará o premio. O feito de presentarse a esta convocatoria supón a conformidade do concursante coas presentes bases.
  • Os premios deste certame entregaranse no acto que se celebrará co gallo do Día das Letras Galegas, o 17 de maio de 2010, a celebrar en Vilagarcía de Arousa.
Organiza Fundación Amigos de Galicia

Concurso Procurando poema e poeta

Rosalía, Carvalho, Seoane e Novoneira.

Neste ano 2010 celebramos o 125 aniversario da morte de Rosalía, o primeiro centenario do nacemento de Ricardo Carvalho Calero e de Luís Seoane.

Uxío Novoneira é o autor homenaxeado no Día das Letras Galegas. Todos eles e ela piares da cultura galega actual.

A AS-PG levará a cabo ao longo do ano unha serie de iniciativas tendentes a divulgar e popularizar a obra destes autores e autora.

A primeira iniciativa é esta nova edición do concurso Procurando poema e poeta.

O concurso consiste en recompoñer un texto cuxas palabras están desordenadas e a partir de aí, mediante un sistema de pistas, intentar descubrir quen o escribiu.

Durante os meses de febreiro, marzo, abril e maio imos presentar un texto dun dos autores citados combinado con outros dous textos de poetas contemporáneos. Haberá catro probas consistentes en recompor os textos sabendo que un destes textos será de Rosalía, Carvalho, Seoane ou Novoneira e os outros dous que aparecerán mesturados con este serán de outros dous autores ou autoras. Publicaranse neste enderezo, onde tamén aparecerán as Bases. Para entrar pode facelo como usuario/a rexistrado ou como convidado/a.

Para quen consiga recompor todos os textos (as catro probas) haberá un premio de 350€. Se ademais esa persoa é socio ou socia da AS-PG ese premio será de 450

Poderán participar tamén neste concurso, ademais de persoas a título individual, os Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística dos centros escolares. Neste caso a persoa responsábel do equipo realizará a inscrición indicando que é en nome do equipo. Para iso deberá enviar un correo a webquests@as-pg.com e o correo remitente deberá ser o do centro educativo. No caso de resultar gañador un Equipo de Normalización e Dinamización o premio será considerado como se dun socio ou unha socia da AS-PG se tratar, isto é 450€.

O período de inscrición está aberto desde o 27 de xaneiro ao 27 de febreiro. Pasado ese día non se admiten máis inscricións. Para participar é imprescindíbel facer a inscrición previa, quer enviando un correo a webquests@as-pg.com quer facendo a inscrición no enlace http://www.as-pg.com/teleformacion/ e seguindo as indicación que van aparecendo

BASES

Se desexares participar nesta caza do tesouro deberás enviar un correo a webquests@as-pg.com indicando: Nome e apelidos, Documento de Identidade e correo electrónico. Tamén te poderás inscribir directamente nesta ligazón. A AS-PG utilizará só o correo electrónico como medio de comunicación coas persoas participantes. O derradeiro día para enviar os textos correctamente recompostos, indicando ademais autor e autora é o día 20 de xuño. Os textos irán publicándose mes a mes e poderán enviarse cando estiveren resoltos. Por se houber algún tipo de problema cos envíos admitiranse os textos que cheguen até o día 22 de xuño sempre que na data e hora do remitente figure unha referencia anterior ás 23:59 horas do día 20 de xuño.

A partir da publicación do primeiro dos catro cazatesouros a AS-PG publicará na súa web unha serie de pistas para os participantes. As pistas serán publicadas no seguinte enderezo

O día 25 de xuño publicaranse os textos e darase a coñecer a persoa gañadora. Todas as persoas que o desexen poden enviar os textos que vaian compoñendo a webquests@as-pg.com e recibirán contestación indicando se está correcto ou non. Estes textos, que poden ou non corresponder cos orixinais que se están a procurar, poderán ser publicados na web da as-pg.

Para ter dereito ao premio é necesario recompor os tres poemas de cada un dos catro cazatesouros que se publicarán aquí. Son en total 12 poemas. Se houber máis dunha persoa que acerte, o gañador ou gañadora decidirase por sorteo. En calquera caso, se houber empate terán preferencia as persoas asociadas á as-pg. O premio será de 350 €, agás no caso de a persoa gañadora estar asociada á as-pg e coas cotas ao día no momento de finalizar o prazo de entrega dos textos. Neste caso o premio será de 450€, como tamén no caso dos Equipos de Normalización e Dinamización. Se non houber ningún acertante aplicaranse os criterios anteriores para quen acertar 11, 10 ou 9 poemas. Neste caso os premios diminuirán en 100 €.

Calquer outra cousa non explicitada anteriormente será interpretada e aclarada pola as-pg, non cabendo contra ela ningunha reclamación.

A participación no certame supón aceptar as bases.

A Coruña 26 de xaneiro de 2010

Xornadas: Compartimos unha cidade, compartamos as nosas linguas

O Concello de Vigo a través das concellerías de Normalización Lingüística e Benestar Social organizan as primeiras xornadas "Compartimos unha cidade, compartamos as nosas linguas" inxeridas no programa "En galego tamén noutros mundos".

As xornadas desenvolveranse os martes de febreiro, a excepción do martes de entroido día 16 e o martes 2 de marzo.

Día 2 de febreiro:

-A diversidade lingüística

-Modelos de integración: Burela

Día 9 de febreiro

-A realidade dos organismos e persoas que traballan no eido da inmigración

Día 23 de febreiro

-A experiencia das persoas inmigrantes en Galicia

Día 2 de marzo

-O futuro da integración

O horario das xornadas é de 17:00h a 20:00h, no auditorio da rúa Areal, 46 (antiga reitoría).