02/06/2010

Viaxe ás terras de Rosalía

O día 29 de maio realizamos unha viaxe aos lugares rosalianos dos arredores de Padrón.

O invitado especial desta xeira, que nos guiou a través da súa espléndida palabra, foi o escritor Anxo Angueira, un dos grandes especialistas na vida e obra de Rosalía neste momento.

Esta viaxe guiada estivo precedida dunha conferencia na escola de idiomas de Vigo, na que Angueira nos deu unha visión anovada e particular da personalidade da nosa escritora nacional. Unha interpretación dende a perspectiva de Rosalía como muller en todas as súas dimensións: como muller comprometida coa súa época, a historia, o mundo intelectual e político.

Mais un dos aspectos máis relevantes foi o seu posicionamento como muller: unha escrita dende a muller, protagonizada por mulleres e escrita para mulleres.
Toda esta disertación estivo engalanada polas recitacións do relator, que engaiolaron ñas persoas asistentes pola calidade e potencia da súa palabra.

Estas recitacións tiveron a súa continuidade nos propios lugares en que Rosalía escribíu os seus versos: a Casa da Matanza en Padrón, a igrexa de Iria, o pazo da Ermida entre a banda de Laíño e a banda de Lestrove... Recitación esta última que foi realizada colectivamente, dende a solaina do pazo, contemplando as paisaxes descritas no poema referido.


Finalizou a viaxe nas Torres de Oeste de Catoira, onde se sitúa un dos episodios dun poema da escritora e que tanta evocación motivou no percorrido por este emblemático lugar da nosa historia medieval. Un percorrido que se completou cunha camiñada polas ribeiras do Ulla enfeitizados pola paisaxe da tarde neste lugar.


Podedes ver unha galería de imaxes máis completa desta viaxe para poderdes descargar as fotos que máis vos gusten.